Vitrina Sixtina

Vitrina Sixtina
Con motivo dos 140 anos da Escola de Artes e Oficios de Vigo, este proxecto transformou un moble antigo abandonado dentro da Escola nun “gabinete de curiosidades”. Asumín o deseño e a coordinación na área de serigrafía, e realizamos, no Curso Superior 2025-2026, un minucioso traballo en equipo que culminou na creación deste trampantollo de oficios
Pola magnitude e a dificultade da tarefa, rebautizámolo con humor como a nosa “Vitrina Sixtina”. O proceso esixiu un gran esforzo colectivo para materializar a idea con fidelidade. A continuación, resumimos os pasos clave da execución: desde os primeiros esbozos ata o encaixe e enrasado final dos paneis de madeira na sala.
Un achado no almacén
Co gallo do 140 aniversario da EMAO de Vigo, propúxosenos crear unha peza para a exposición conmemorativa. Mentres barallabamos diferentes ideas no taller, buscando polo edificio referencias, a nosa compañeira Ángeles atopou un moble antigo abandonado nun almacén da escola. Formuláronse distintas cuestións. Onde tería estado antes? Cal tería sido a súa función orixinal ao longo das décadas? Podemos recuperar este moble que un día quedou en desuso?

Nese momento, espertouse unha faísca en min: por que non contar a historia da Escola a través da propia historia dese moble? E se simulásemos un pasado inventado no que ese moble albergase unha representación do que a Escola foi e é a día de hoxe? a través dos oficios que nela se impartiron e as ferramentas que representan tales oficios
O trampantollo renacentista
A idea da simulación dun pasado posible levoume ao concepto do trampantollo (a ilusión óptica de simular obxectos e espazos tridimensionais sobre unha superficie plana). Falando do proxecto con miña nai, Dores Pereira, estudante nese momento de Historia da Arte, surxiron na conversa diferentes referentes de simulacións artísticas clásicas.
Grandes obras da ilusión óptica, como o Studiolo de Federico da Montefeltro no Pazo Ducal de Urbino , os frescos da Vila Barbaro de Palladio (decorada por Veronese), ou os traballos de Dalle Vacche. Ese concepto de “gabinete” renacentista, onde os obxectos simulan estar expostos nunha vitrina tridimensional, converteuse no eixe central do noso deseño.



Un tributo aos oficios
Unha vez que acordamos levar a cabo esta idea, o seguinte paso foi decidir como plasmar esa simulación en dúas dimensións. Queriamos que o moble fose un espello de toda a escola, polo que comezamos a escoller as ferramentas que mellor representasen a cada un dos oficios. O proceso comezou cunha pesquisa histórica sobre as disciplinas que se impartiron e se imparten na EMAO.
Coa listaxe clara, centrámonos nas ferramentas específicas de cada especialidade (como estas de coiro e talla facilitadas por Luísa), procurando imaxes e puntos de vista axeitados para que, ao ser estampadas, encaixasen de forma natural dentro das baldas do moble. Estas imaxes serían convertidas dixitalmente a debuxo para poder adaptalas ás limitacións propias da serigrafía.



O deseño do gabinete
O seguinte paso foi a transformación dixital e a colaxe das fotos das ferramentas para artellar estes dous corpos de tres baldas cada un (en paneis de 1 × 2 m de alto), que simulan o interior e as portas abertas do moble. A nivel técnico, o gran desafío consistiu en construír a perspectiva, a profundidade, as sombras e a veta da madeira, adaptando cada ferramenta á súa posición e iluminación correctas.
Ademais, debido ás dimensións do soporte, o deseño estruturouse nunha complexa matriz de 9 espazos a 4 tintas para os 2 panos do moble. Aínda que a conta teórica daría 72, a balda superior prescindiu de certas tintas polo propio punto de vista, o que resultou nun traballo de 66 pantallas de serigrafía en total


Un puzzle de fotolitos
A preparación dos fotolitos foi un crebacabezas. Organicei o deseño para producir unha serie de impresións A3 en papel vexetal que tiveron que ir montándose para acadar o tamaño real das baldas. Cada fotolito corresponde a un cadrante (esquerda, centro ou dereita), clasificado á súa vez por baldas (superior, media e inferior).
Cada unha destas partes fragmentouse á súa vez nas catro tintas correspondentes —desde as luces ata os tons máis escuros—, para poder organizar a produción e o rexistro das 66 pantallas.



A formulación das tintas
Paralelamente, a compañeira Tamarindo encargouse de mesturar e formular as catro tintas de serigrafía: unha luz, un ton medio, un ton medio escuro e un ton escuro. O obxectivo era que empastasen co moble existente e xerasen o contraste suficiente para dar a profundidade desexada ao seu interior. Ademais das tintas de estampación, tamén formulou as destinadas ás portas, que se pintarían a man na fase final.
Para probar os tons, tomouse como mostra o cadrante dos ratiños da EMAO 140 —as mascotas da nosa disciplina de Serigrafía Artística—, achegado polo noso compañeiro Juan. Para lograr unha textura óptima e sen grumos, o equipo colaborou nun filtrado moi artesanal. Tirando de inxenio, empregáronse as medias que achegou M. José, o coador de Luísa e o baren da aula para conseguir o mellor resultado posible.



O proceso de estampación
No proceso de estampación por cadrantes, o máis crítico foi o perfecto encaixe entre as diferentes capas e a limpeza e emulsionado de pantallas para acadar un ritmo que nos permitise estampar as 66 pantallas en tempo e forma. Cada pantalla tivo que situarse cunha atención milimétrica para que as catro tintas coincidisen exactamente no seu sitio.
Neste paso, o traballo en equipo foi clave: varias mans para manter a pantalla no seu lugar, uns brazos firmes para raclar e secadores para poder avanzar axilmente de cadrante en cadrante.
A evolución en capas
O proceso de estampación foi un exercicio de paciencia e superposición xeométrica. Comezamos aplicando a primeira tinta de luz sobre o fondo preparado, deixando reservados os espazos en branco das siluetas. Coa entrada da segunda e terceira capa (os tons medios e a veta da madeira), o moble comezou a coller corpo, estrutura e profundidade.
A aplicación da cuarta tinta achegou os detalles de cada obxecto, as sombras e as vetas finais para darlle vida e volume a todo o conxunto. As portas (simuladas) traballáronse tintándoas a man para conseguir un efecto que empastase coa veta do moble existente e que se diferenciase visualmente da serigrafía.




A montaxe dos paneis
Unha vez serigrafiados os dous paneis, mentres uns levabamos a cabo o proceso de pintado para a simulación de portas e bisagras, outros vernizaban os laterais do moble existente, gardando un pequeno segredo escondido que se poderá descubrir na exposición.
Posteriormente, procedemos á colocación, axuste e lixado necesarios para encaixar os dous paneis nun moble de tantos anos. Estes colocáronse enrasados pola cara exterior da estrutura de madeira para simular as portas abertas.



Un gran equipo
Alumnado de Serigrafía Artística. Grupo Superior da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Curso 2025-2026
- Idea e coordinación: Paula Lago
- Execución (por orde alfabética) :
- Juan Álvarez
- Luísa María Baños
- Marián Barreal
- Analía Roxana Cardozo
- Tamarindo Conde
- Jesús Manuel Díaz
- Beatriz Fernández
- José Luis Ferreiro
- Sara González
- Paula Lago
- M. José Pereira
- Ángeles Riveiro


Herbas da noite

Herbas da noite
Esta pequena guía das herbas de San Xoán non ten máis intención cá de recoller os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera desta data máxica. Esta idea nace da constatación de que a medida que pasan os anos vaise perdendo esta tradición e, con ela, os nomes das plantas, e as plantas mesmas, ao iren desaparecendo as depositarias (pois maiormente son mulleres) desta humilde pero entrañable sabedoría.
Eu fun polo monte con elas de pequena e gardo memoria desas tardes en que descubrir o “tromentelo”, o “fento en crus” ou os poexos era unha alegre, divertida e enriquecedora aventura. Máis tarde fun quen de recoñecer arrecendos que me trasladaron a esas tardes despreocupadas e felices e alimentaron a miña memoria visual e olfactiva.

A noite de San Xoán
Na noite de San Xoán prodúcense distintas manifestacións de orixe máxica para celebrar o solsticio de verán e o inicio dunha estación que supuña a coroación do traballo campesiño e o premio ao seu esforzo: fogueiras para escorrentar os malos espíritos e atraer o favor das divindades, rituais de fertilidade nas praias (baño das nove ondas), esconxuros…Unhas manifestacións de orixe pagá que o cristianismo asimilaría baixo o nome de Día de san Xoán Bautista.
De todas estas manifestacións, a máis difundida de todas elas, a máis popular, era a recollida das herbas máxicas de San Xoán. Unha serie de herbas, follas e flores son apañadas no serán da véspera do San Xoán. Despois de mergullalas en auga collida en sete fontes e polas a serenar durante a noite do 23 ao 24 de xuño, ao raiar o sol a xente da casa lavaba a cara con esta arrecendente auga. Entre as propiedades que se lle atribúen, están a de escorrentar os malos espíritos, atraer a boa sorte e aumentar a beleza das mozas.
Dores Pereira
As plantas recollidas
A seguir poden consultar as plantas que atoparán no libro. A vocación do libro é máis a de ser un obxecto artístico que unha guía de campo ao uso. Como consideramos que os novos medios xa nos permiten acceder á información xenérica, pretendemos aportar con esta publicación un valor diferente. Porén introducimos un apartado cun código QR que conduce a esta páxina, para que calquera poida navegar por elas e completar a imformación que precisase.
As ilustracións

As ilustracións fixéronse mediante a técnica do “dripping” na procura do efecto de volume das follas que se fixaban e se prensaban sobre o papel dos herbarios. Para conseguir aínda máis efecto de relevo fotografáronse os orixinais con luz rasante. O medio usado nas pinturas é acrílico sobre papel formato A3. A paleta de cor escollida responde á procura dos tons óxidos e ocres, simulando as plantas envellecidas co paso do tempo.
A inspiración
.
Como referencias para facer que o libro tivese un diálogo armónico entre texto, ilustración e espazo branco inspirámonos nas seguintes obras:

Herbario de Emily Dickinson. 1845
Como exemplo de como se pode combinar ciencia, poesía e sentido estético nunha mesma publicación. O xeito no que as plantas xacen no papel, secas, como cadaleitos foi o punto de partida e modelo das ilustracións que iluminan esta guía.

Manuscrito Voynich. S.XV.
Un misterioso libro ilustrado escrito nun sistema aínda non identificado. A maneira na que os textos dialogan coas imaxes deunos pistas de como enfocar o deseño editorial.
A obra final
O libro componse de 100 páxinas cosidas con ilustracións a cor . O seu formato é A5, con cuberta branda e lapelas



Sobre as autoras

Dores Pereira traballa como profesora de Lingua Galega nun instituto da contorna e ocupouse da parte literaria, que recolle a súa experiencia persoal con estas plantas e información sobre usos medicinais, curiosidades, refráns ou cancións

Paula Lago é Licenciada en Arquitectura e dende hai uns anos está estreitamente ligada á creación artística, en especial á pintura, ocupouse da ilustración e do deseño editorial.
O torreiro

O torreiro
Baudelaire e Rilke afirmaron que a verdadeira patria é a infancia. Unha patria en ocasións inhóspita, fría, na que a mirada infantil busca a luz entre as tebras, co impulso irresistible do gromo que fura o duro talo reseco da esgotada planta. Mais o tempo pasa, a luz esmorece…, e unha chega a esquecer que nun recanto profundo da alma segue esa nena, coa súa mirada limpa e expectante, quizais cunha muda acusación. Esa nena da que apenas queda o esvaído recordo. E unha pregúntase, como Celso Emilio: Que diría de min a nena que fun? A resposta non é moi alentadora.
Porén, a vida é imprevisible. E un día esa nena aparece debruzada nunha páxina en branco, coa súa mirada soñadora famenta de beleza, rescatada da longa noite da memoria por un ser sensible e luminoso que resulta ser filla miña, e filla súa, quizais máis súa que miña, froito máis da súa teimosa persistencia que das miñas escasas forzas. Velaí como a vida tece fíos vagarosos e subtís entre o pasado e o presente, entre a sombra e a luz.
Dores Pereira
Ilustracións

As ilustracións pretenden evocar a época onde se encadra o relato. Finais dos anos 60, na galiza rural. A obra xoga coa dicotomía escuridade/ luz. Utilicei unha técnica mixta acuarela+pastel+tinta para responder aos distintos matices do conto. Pensei que traballar con acuarela era un bo xeito de tratar as paisaxes e as partes que requerían máis luz. Os pasteis permitiríanme acadar máis textura e plasticidade e a liña de tinta dábame a posibilidade de definir certos rasgos cando conviña.
Como inspiración podo nomear a Bernard Buffet polos seus retratos con ton melancólico e a Gian Alfonso Pacinotti (Gipi) pola súa capacidade como acuarelista e polo ritmo narrativo das súas historietas.
Referencias

Películas como “Cría Corvos”, revistas que adoitaba ler a miña nai como “El Caso“, as paisaxes de Atios, imaxes metafóricas como as viñas emulando arañas, compuxeron o collage no que me baseei para construir as ilustracións deste relato
As fotografías antigas da familia, as actrices de películas de mediados de s.XX , esceas de circo… unha vai compondo uns recordos inexistentes, a través da construción dun imaxinario e das conversas con Dores, a autora do relato.
O deseño editorial
O conto componse de 40 páxinas cosidas con ilustracións a cor, o seu formato é 195x200mm. A narrativa constrúese como unha secuencia de planos, como se fosen “frames” dunha película, ou eu ao menos imaxinábaa así.

As autoras

Dores Pereira traballa como profesora de Lingua Galega nun instituto da contorna e ocupouse da parte literaria, que recolle a súa experiencia persoal con estas plantas e información sobre usos medicinais, curiosidades, refráns ou cancións

Paula Lago é Licenciada en Arquitectura e dende hai uns anos está estreitamente ligada á creación artística, en especial á pintura, ocupouse da ilustración e do deseño editorial.















































