Visión
Son arquitecta e artista plástica, nacida en 1984 en Atios, O Porriño. Licencieime en Arquitectura pola Universidade da Coruña e completei a miña formación artística na Escola de Artes e Oficios de Vigo, con estudos en debuxo e pintura, disciplinas que alimentan a miña maneira de entender o espazo.
En 2019 creei o meu propio estudo, desde onde desenvolvo proxectos que integran arquitectura, arte e visualización arquitectónica, cun enfoque especial na representación 3D e na comunicación do espazo. Entendo a arquitectura como unha práctica sensible, conectada co territorio, coas persoas e coas emocións que configuran o habitar.
Complemento esta práctica cunha formación continua en teoría da cor (UNED), deseño editorial (Aula D), xestión de obras de rehabilitación (CEGOR) e serigrafía artística, que actualmente curso como parte dun proceso persoal de investigación visual.
A miña obra plástica transita entre a figuración e a abstracción, centrada no corpo humano como presenza física e emocional. Esa mesma sensibilidade está presente na arquitectura que propoño: busco espazos habitables, con textura, cor e intención.
Percorrido profesional
Arquitecta pola Universidade da Coruña (2011), completei parte da miña formación no Politécnico di Milano (Erasmus, 2006–2007). Ao longo da miña traxectoria profesional colaborei con estudos en Galiza e Brasil, participando en concursos e proxectos como o Museo Arqueolóxico de Punta Langosteira, a Cidade Deportiva do Celta en Mos ou o CaixaForum Valencia, en ámbitos que abranguen vivenda colectiva, rehabilitación e espazo público.
Desde 2019 exerzo como profesional autónoma, combinando proxectos propios de arquitectura, traballos de visualización 3D para outros estudos e unha práctica artística baseada na pintura, serigrafía e edición de obra gráfica.
Formeime en debuxo artístico (2015–2019), pintura (2019–2023) e serigrafía artística na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Ampliei a miña formación en teoría da cor (UNED), deseño editorial (Aula D) e xestión de obras de rehabilitación (CEGOR).
O meu traballo sitúase na intersección entre arquitectura, arte e comunicación visual, cunha atención especial ás fases conceptuais e gráficas do proxecto, sen renunciar ao desenvolvemento técnico nin á execución. A miña experiencia como profesional autónoma e en estudos pequenos permitiume participar nas distintas etapas do proceso, e estou comprometida con seguir ampliando capacidades para asumir proxectos de forma cada vez máis integral.
Colaboracións e servizos
Traballo de forma autónoma e colaborativa, tanto en proxectos propios como en apoio a outros estudos de arquitectura ou profesionais do sector. Valoro os equipos horizontais, o diálogo claro e o compromiso co traballo ben feito.
Colaboro habitualmente na visualización 3D de proxectos, na representación gráfica para concursos e na fase inicial de deseño e narrativa espacial. Podo traballar por fases ou por encargos concretos, adaptándome ás dinámicas de cada equipo.
Tamén acompaño a persoas que buscan transformar, rehabilitar ou crear os seus espazos cun enfoque atento, funcional e coidado. Cada proxecto é único, e afronto o proceso con escoita, responsabilidade e respecto pola identidade de quen habita.
Áreas nas que podo colaborar:
-
Visualización arquitectónica: renders, escenas, ambientación 3D
-
Desenvolvemento gráfico de concursos ou proxectos
-
Vivenda unifamiliar, reformas e rehabilitación
-
Asesoramento en distribución, materiais, luz e ambientación