Herbas da noite

Esta pequena guía das herbas de San Xoán non ten máis intención cá de recoller os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera desta data máxica. Esta idea nace da constatación de que a medida que pasan os anos vaise perdendo esta tradición e, con ela, os nomes das plantas, e as plantas mesmas, ao iren desaparecendo as depositarias (pois maiormente son mulleres) desta humilde pero entrañable sabedoría. 
Eu fun polo monte con elas de pequena e gardo memoria desas tardes en que descubrir o “tromentelo”, o “fento en crus” ou os poexos era unha alegre, divertida e enriquecedora aventura. Máis tarde fun quen de recoñecer arrecendos que me trasladaron a esas tardes despreocupadas e felices e alimentaron a miña memoria visual e olfactiva.

 

A noite de San Xoán

Na noite de San Xoán prodúcense distintas manifestacións de orixe máxica para celebrar o solsticio de verán e o inicio dunha estación que supuña a coroación do traballo campesiño e o premio ao seu esforzo: fogueiras para escorrentar os malos espíritos e atraer o favor das divindades, rituais de fertilidade nas praias (baño das nove ondas), esconxuros…Unhas manifestacións de orixe pagá que o cristianismo asimilaría baixo o nome de Día de san Xoán Bautista.
De todas estas manifestacións, a máis difundida de todas elas, a máis popular, era a recollida das herbas máxicas de San Xoán. Unha serie de herbas, follas e flores son apañadas no serán da véspera do San Xoán. Despois de mergullalas en auga collida en sete fontes e polas a serenar durante a noite do 23 ao 24 de xuño, ao raiar o sol a xente da casa lavaba a cara con esta arrecendente auga. Entre as propiedades que se lle atribúen, están a de escorrentar os malos espíritos, atraer a boa sorte e aumentar a beleza das mozas.

Dores Pereira

As plantas recollidas

A seguir poden consultar as plantas que atoparán no libro. A vocación do libro é máis a de ser un obxecto artístico que unha guía de campo ao uso. Como consideramos que os novos medios xa nos permiten acceder á información xenérica, pretendemos aportar  con esta publicación un valor diferente. Porén introducimos un apartado cun código QR que conduce a esta páxina, para que calquera poida navegar por elas e completar a imformación que precisase.

As ilustracións

As ilustracións fixéronse mediante a técnica do  “dripping” na procura do efecto de volume das follas que se fixaban e se prensaban sobre o papel dos herbarios. Para conseguir aínda máis efecto de relevo fotografáronse os orixinais con luz rasante. O medio usado nas pinturas é acrílico sobre papel  formato A3. A paleta de cor escollida responde á procura dos tons óxidos e ocres, simulando as plantas envellecidas co paso do tempo.

A  inspiración

.

Como referencias para facer que o libro tivese un diálogo armónico entre texto, ilustración e espazo branco inspirámonos  nas seguintes obras:
Herbario de Emily Dickinson1845 
Como exemplo de como se pode combinar ciencia, poesía e sentido estético nunha mesma publicación. O xeito no que as plantas xacen no papel, secas, como cadaleitos foi o punto de partida  e modelo das ilustracións que iluminan esta guía.
Manuscrito Voynich. S.XV.
Un misterioso libro ilustrado escrito nun sistema aínda non identificado. A maneira na que os textos dialogan coas imaxes deunos pistas de como enfocar o deseño editorial.

A obra final

O libro componse de 100 páxinas cosidas con ilustracións a cor . O seu formato é A5, con cuberta branda e lapelas

Sobre as autoras

Dores Pereira traballa como profesora de Lingua Galega nun instituto da contorna e ocupouse da parte literaria, que recolle a súa experiencia persoal con estas plantas e información sobre usos medicinais, curiosidades, refráns ou cancións

Paula Lago  é Licenciada en Arquitectura e dende hai uns anos está estreitamente ligada á creación artística, en especial á pintura, ocupouse da ilustración e do deseño editorial.
Atios, Os Galegos nº2, baixo. O Porriño.   info@paulalago.com   +34 625 17 89 89
Privacy Settings
We use cookies to enhance your experience while using our website. If you are using our Services via a browser you can restrict, block or remove cookies through your web browser settings. We also use content and scripts from third parties that may use tracking technologies. You can selectively provide your consent below to allow such third party embeds. For complete information about the cookies we use, data we collect and how we process them, please check our Privacy Policy
Youtube
Consent to display content from - Youtube
Vimeo
Consent to display content from - Vimeo
Google Maps
Consent to display content from - Google