
Herbas da noite
Esta pequena guía das herbas de San Xoán non ten máis intención cá de recoller os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera desta data máxica. Esta idea nace da constatación de que a medida que pasan os anos vaise perdendo esta tradición e, con ela, os nomes das plantas, e as plantas mesmas, ao iren desaparecendo as depositarias (pois maiormente son mulleres) desta humilde pero entrañable sabedoría, e garantes en boa medida da súa pervivencia.
Eu fun polo monte con elas de pequena e gardo memoria desas tardes en que descubrir o “tromentelo”, o “fento en crus” ou os poexos era unha alegre, divertida e enriquecedora aventura. Máis tarde fun quen de recoñecer arrecendos que me trasladaron a esas tardes despreocupadas e felices e alimentaron a miña memoria visual e olfactiva.
Dores Pereira
Na noite de San Xoán prodúcense distintas manifestacións de orixe máxica para celebrar o solsticio de verán e o inicio dunha estación que supuña a coroación do traballo campesiño e o premio ao seu esforzo: fogueiras para escorrentar os malos espíritos e atraer o favor das divindades, rituais de fertilidade nas praias (baño das nove ondas), esconxuros…Unhas manifestacións de orixe pagá que o cristianismo asimilaría baixo o nome de Día de san Xoán Bautista.
De todas estas manifestacións, a máis difundida de todas elas, a máis popular, era a recollida das herbas máxicas de San Xoán. Unha serie de herbas, follas e flores son apañadas no serán da véspera do San Xoán. Despois de mergullalas en auga collida en sete fontes e polas a serenar durante a noite do 23 ao 24 de xuño, ao raiar o sol a xente da casa lavaba a cara con esta arrecendente auga. Entre as propiedades que se lle atribúen, están a de escorrentar os malos espíritos, atraer a boa sorte e aumentar a beleza das mozas.

As plantas recollidas
A seguir poden consultar as plantas que atoparán no libro. A vocación do libro é máis ser un obxecto artístico que unha guía de campo ao uso. Como consideramos que os novos medios xa nos permiten acceder á información xenérica. O libro pretende aportar un valor diferente. Porén introducimos un apartado cun código QR que conduce a esta páxina, para que calquera poida navegar por elas e completar a imformación que precisase.
As ilustracións

As ilustracións fixéronse mediante a técnica do chorreo ou “dripping”, na procura do efecto de volume das follas que se fixaban e se prensaban sobre o papel dos herbarios. Para conseguir aínda máis efecto de relevo fotografáronse os orixinais con luz rasante. O medio usado nas pinturas é acrílico sobre papel formato A3. A paleta de cor escollida responde á procura dos tons óxidos e ocres, simulando as plantas envellecidas co paso do tempo.
Inspiración
Como referencias para facer que o libro tivese un diálogo armónico entre texto, ilustración e espazo branco inspirámonos nas seguintes obras:

Herbario de Emily Dickinson. 1845
Como exemplo de como se pode combinar ciencia, poesía e sentido estético nunha mesma publicación. O xeito no que as plantas xacen no papel, secas, como cadaleitos foi o punto de partida e modelo das ilustracións que iluminan esta guía.

Manuscrito Voynich S.XV.
Un misterioso libro ilustrado escrito nun sistema aínda non identificado. A maneira na que os textos dialogan coas imaxes deunos pistas de como enfocar o deseño editorial.
A obra final



Sobre as autoras
Dores Pereira traballa como profesora de Lingua Galega nun instituto da contorna e ocupouse da parte literaria, que recolle a súa experiencia persoal con estas plantas e información sobre usos medicinais, curiosidades, refráns ou cancións

Paula Lago é Licenciada en Arquitectura e dende hai uns anos está estreitamente ligada á creación artística, en especial á pintura, ocupouse da ilustración e do deseño editorial.

Colabora
Actualmente estamos preparando a campaña de financiamento para conseguir levar a diante esta obra e facerlle chegar o libro a canta máis xente mellor. Se estás interesada/o en apoiar este proxecto síguenos en instagram, iremos informando dos avances da campaña. Tamén podes inscribirte na nosa listaxe de novas en info@paulalago.com