Casa vella
Rehabilitación dunha vivenda no rural do Porriño. Lareira, cociña, corredor ao medio, 3 cuartos e unha saliña, a saliña de cando veñen os convidados. Sen baños, só un lavadoiro onde asearse. Anexo á vivenda había uns espazos destinados a cortellos.
A vivenda tiña á súa vez unha historia de ampliacións, unha pequena casiña de paredes de cachote e estrutura de madeira que creceu en altura e á que logo se lle engadiu cos “novos tempos” unha ampliación xa con estrutura de formigón, onde se albergarían a cociña e lareira, e unha escaleira exterior pola que se accedía á terraza.
A idea do cofre, un recordo: o xoieiro da avoa de mimbre co interior de tea rosada. Pensei no núcleo entorno ao que crece todo, é alí onde estaría a habitación principal, o centro da casa, onde se fixarían os cuartos húmidos, etorno a iso, todo fluído.
Así emprendemos o proxecto que seguiu os seguintes criterios:
Conservar a memoria das estancias, a entrada pola lareira, a cociña no seu lugar, a saliña, e darlle unha volta ao funcionamento da casa co cambio da circulación cara a fachada e o traslado da escaleira ao interior da vivenda.
Estructura: Conservamos a idea de evolución constructiva, mantendo a estrutura de madeira na casa “antiga” e a estructura de formigón na ampliación, esta última unha lousa de formigón visto, apoiado nun único pilar central liberando así a carga dos muros existentes.
Preservación da fachada: limpouse a fachada e recuperáronse ocos orixinais que foran tapiados en parte. Substituiuse a carpintería.
Cuberta: Substituiuse a estrutura de madeira por outra nova e mantívose a cubrición de tella repoñendo pezas danadas. Renovouse a cubrición cerámica da terraza.