Visión
Son arquitecta e artista plástica, nacida en 1984 en Atios, O Porriño. Licencieime en Arquitectura pola Universidade da Coruña e completei a miña formación artística na Escola de Artes e Oficios de Vigo, con estudos en debuxo, pintura e serigrafía artística.
En 2019 fundei o meu propio estudo, desde o que desenvolvo proxectos de arquitectura, especialmente no ámbito da rehabilitación e da intervención en edificación existente.
Completei a miña formación profesional cun curso de xestión de obras de rehabilitación en CEGOR e formación en deseño editorial en Aula D, ademais da formación artística desenvolvida na EMAO.
A miña obra plástica transita entre a figuración e a abstracción, centrada no corpo humano como presenza física e emocional.
Percorrido profesional
Arquitecta pola Universidade da Coruña (2011), completei parte da miña formación no Politécnico di Milano (Erasmus, 2006–2007). Ao longo da miña traxectoria profesional colaborei con estudos en Galiza e Brasil, participando en concursos e proxectos como o Museo Arqueolóxico de Punta Langosteira, a Cidade Deportiva do Celta en Mos ou o CaixaForum Valencia, en ámbitos que abranguen vivenda colectiva, rehabilitación e espazo público.
Desde 2019 exerzo como profesional autónoma, combinando proxectos propios de arquitectura con colaboracións para outros estudos, tanto en visualización 3D como na redacción e desenvolvemento completo de proxectos de arquitectura. Compaxino esta actividade cunha práctica artística centrada na pintura, a arte gráfica e o deseño editorial.
Formeime en debuxo artístico (2015–2019), pintura (2019–2023) e serigrafía artística (2024-2026) na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Ampliei a miña formación en e xestión de obras de rehabilitación (CEGOR), deseño editorial (Aula D) e teoría da cor (UNED).
O meu traballo sitúase na intersección entre arquitectura, arte e comunicación visual, cunha atención especial ás fases conceptuais e gráficas do proxecto, sen renunciar ao desenvolvemento técnico nin á execución. A miña experiencia como profesional autónoma e en estudos pequenos permitiume participar nas distintas etapas do proceso, e estou comprometida con seguir ampliando capacidades para asumir proxectos de forma cada vez máis integral.
Colaboracións e servizos
Traballo de forma autónoma e colaborativa, tanto en proxectos propios como en apoio a outros estudos de arquitectura ou profesionais do sector. Valoro os equipos horizontais, o diálogo claro e o compromiso co traballo ben feito.
Colaboro habitualmente na visualización 3D de proxectos, na representación gráfica para concursos e na fase inicial de deseño e narrativa espacial. Podo traballar por fases ou por encargos concretos, adaptándome ás dinámicas de cada equipo.
Tamén acompaño a persoas que buscan transformar, rehabilitar ou crear os seus espazos cun enfoque atento, funcional e coidado. Cada proxecto é único, e afronto o proceso con escoita, responsabilidade e respecto pola identidade de quen habita.
Áreas nas que podo colaborar:
-
Desenvolvemento de proxectos de arquitectura dende a súa fase inicial á documentación de execución e dirección de obra.
-
Desenvolvemento gráfico de concursos, incluíndo maquetación, presentación e documentación gráfica.
-
Visualización arquitectónica, mediante modelado, renders, escenas e ambientación 3D.
-
Vivenda unifamiliar, reformas e rehabilitación.
-
Asesoramento previo á compra de vivendas, locais ou parcelas, valorando posibilidades de reforma, condicionantes urbanísticos e viabilidade da intervención.


